O Concello de Viveiro implícase no intercambio de alumnado dentro do programa Erasmus+

Viveiro acolle a 19 nenos e nenas e 11 membros do profesorado, procedentes Bulgaria, Rumanía, Macedonia do Norte, Croacia e Grecia que participan no intercambio co CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo.


A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o primeiro tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, recibiron este martes ao alumnado e ao profesorado que estes días están no Concello, dentro do proxecto Erasmus +, no que participa o CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo.

Este colexio intégrase nun proxecto común Erasmus +, xunto a outros 5 centros europeos de Bulgaria, Rumanía, Macedonia do Norte, Croacia e Grecia.

Así, Viveiro acolle a 19 nenos e nenas e 11 membros do profesorado, procedentes destes centros de intercambio. O grupo chegou onte á vila, onde permanecerán ata o próximo día 27.

A recepción ao grupo realizouse no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. No acto, os representantes municipais trasladaron a súa benvida a este grupo escolar e desexáronlles que gocen de Viveiro nestes días.

O Concello de Viveiro colabora ademais nesta actividade facilitando o autobús para realizar os desprazamentos necesarios do grupo durante a súa viaxe, na que realizarán actividades e visitas na zona.

Dende o goberno local destacan que este tipo de proxectos de intercambio permiten ao alumnado convivir e coñecer outras culturas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here